AXUDAS DESTINADAS AOS FAMILIARES DOS PROFESIONAIS DO MAR FALECIDOS NO EXERCICIO DA SÚA ACTIVIDADE PARA O ANO 2025
ORDE do 19 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade para o ano 2025, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE113E).
Publicada no DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2025. Páx. 8120.
Pode acceder a través do seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0427-130125-0001_gl.html
RESUMO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas
destinadas a familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade para o ano 2025.
2. O procedemento regulado nesta orde ten o código PE113E.
3. Para os efectos desta orde consideraranse profesionais do mar as seguintes persoas:
a) As persoas tripulantes galegas de calquera tipo de embarcación pesqueira debidamente enroladas nela e calquera que sexa o seu pavillón.
b) As persoas tripulantes non galegas que coticen no réxime especial do mar da Seguridade Social nun buque pesqueiro con porto base en Galicia.
c) As persoas mariscadoras, con autorización expedida pola Consellería do Mar, no desenvolvemento lícito da súa actividade e de acordo coas disposicións establecidas na materia pola citada consellería.
d) As persoas traballadoras de viveiros flotantes radicados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Teñen a condición de galegos, de acordo co artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia os cidadáns españois que, de acordo coas leis xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia.
4. Tamén terán a consideración de persoas falecidas para os efectos desta orde aquelas persoas que como consecuencia dun accidente no mar estivesen desaparecidas unha vez transcorridos 10 días desde a data en que tivo lugar o sinistro.
5. Darán lugar á concesión da axuda os falecementos producidos desde o día 1 de decembro de 2024 ata o 30 de novembro de 2025.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Cada falecemento dará lugar á concesión dunha axuda a favor dalgunha das seguintes categorías de beneficiarios:
a) Cónxuxe ou parella de feito no momento do falecemento.
b) Filla/o ou fillas/os da persoa falecida menores de 21 anos.
2. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
Artigo 4. Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 15 de decembro de 2025. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil.