Mytilus galloprovincialis

Ten unhas cunchas de cor negra violácea por onde asoman unhas barbas ás que se lles chama "viso" e que lle serven para adherirse ás rochas e ás cordas das bateas. O corpo é de cor vermella pálida e varía segundo o sexo: se é femia, é de cor alaranxada, e se é macho, é de cor amarela pálida. O mexillón é un animal filtrador: "depura" a auga e aliméntase do que nela vai disolto.

A produción de mexillóns provén, sobre todo, do cultivo das bateas das nosas rías, tanto no norte coma no sur de Galicia. Hai que evitar o consumo de mexillóns da rocha, sen control e sen depuración. Actualmente está en funcionamento a denominación de orixe Mejillón de Galicia, co que se nos garanten tamaños e calidades

Ostrea edulis

A ostra é un molusco bivalvo que ten, na parte exterior da súa dura cuncha, unha superficie escamuda. A súa cor habitual sitúase entre branca, marrón ou púrpura. Como detalle significativo, hai que dicir que ao longo da súa vida posúe sexo masculino e feminino de xeito alterno. Isto denomínase "hermafroditismo non simultáneo".

A súa extracción ven regulada normalmente nos plans de marisqueo a pé para os individuos aos que se pode acceder deste xeito, e nos plans de marisqueo a flote, nos que se contempla a súa extracción con raños. Tamén pode ser capturada con rastro de volandeira ou vieira para a captura de ostra.

Cerastoderma edule

O berberecho é un molusco (palabra que na súa orixe significa "mol") que ten as valvas ou cunchas de forma case circular. Posúe entre 22 e 28 costelas ben marcadas e vive en fondos lamacentos e de area fina próximos ás costas. Por causa da súa forma de corazón foi polo que, ao principio, se lle deu nome de "corazón comestible" (cardium edule).

Pode ser capturado a pé con sachos e rastrillos ou angazos na zona intermareal ou con ganchas a pé cunha lonxitude e separación entre dentes axeitada para esta especie nas zonas que non quedan expostas durante a baixamar. Tamén se pesca dende embarcación con raños, rastros ou ganchos.

Venerupis rhomboides

O seu nome provén da súa tonalidade encarnada, que lle dá un aspecto diferente ao das outras ameixas. Posúe unha cuncha cuberta por liñas algo máis brillantes, que van paralelas ao bordo exterior dun ton máis pálido ca a súa propia cor. Semella estar pulida.

A maior parte das capturas realízanse dende pequenas embarcacións con raños, rastros ou ganchos. Tamén está permitida a súa extracción con endeño remolcado cunhas medidas reguladas, sempre que se utilice a profundidades superiores aos 15 metros.

Ruditapes philippinarum

A característica que máis destaca da ameixa xaponesa é que ten as costelas moi marcadas. As liñas que sucan a súa cuncha forman cadradiños ao cruzárense, cadradiños que son moito máis marcados que os da ameixa fina. Cando está aberta é cando se pode ver como ten os sifóns unidos ata a metade, o que a diferenza da ameixa fina. En canto á súa cor é, normalmente, escura, movéndose os tons entre o tostado e o gris case negro.

Esta especie foi introducida nas nosas costas o pasado século. A súa distribución é similar á da ameixa fina, polo que as súas capturas realízanse principalmente a pé nos bancos intermareais. Tamén aparece entre as extraccións realizadas dende pequenas embarcacións con raños, rastros ou ganchos.

Ruditapes decussatus

A cuncha da ameixa fina posúe unhas liñas en forma de raios e outras concéntricas que forman os seus característicos cadradiños. Esta é a primeira diferenza coa babosa. A súa cor será distinta dependendo do substrato (area) onde se cría, variando entre branca e acastañada. Os seus sifóns son longos e están separados un doutro, en toda a súa lonxitude, e esta é outra boa característica para distinguila das demais ameixas.

Xeralmente as capturas fanse a pé firme con sacho,sachos, rañicas, angazos, forquillas ou outras artes autorizadas que sirvan para remover o substrato, ou ben localizando os buratos que deixan os seus sifóns na area. Moitas agrupacións de mariscadoras e mariscadores do noso litoral levan a cabo tarefas de semicultivo como preengorde de semente e posterior sementado en praias, conseguindo incrementar a produción dos bancos marisqueiros.

Especies