A confraría de Cangas encárgase da primeira venda e distribución dos produtos do mar extraídos polos seus asociados, mediante poxa pública en lonxa ou ben directamente a empresas intermediarias, tanto por xunto como retallistas, mediante acordos de venda.
Os produtos comercializados a través da Confraría atópanse certificados polas marcas de calidade PESCADERÍAS e PESCAENVERDE. A marca, “PescadeRías, de onde se non?” é un selo de identidade para a promoción e defensa dos pescados e mariscos procedentes da pesca efectuada pola flota artesanal. Esta marca xorde desde a Consellería do Mar da Xunta de Galicia no ano 2008, co obxecto de que os produtos de mar capturados pola flota artesanal puidesen resultar claramente diferenciados, dentro da variada oferta que presenta un mercado cada vez máis globalizado e cun amplo abano de produtos.
Por outra banda, Pescaenverde constitúe unha ferramenta para promover produtos pesqueiros, en particular peixe fresco, para indicar a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético, adaptada ás características específicas do sector pesqueiro. Implica a identificación e cuantificación, tanto das emisións de gases de efecto invernadeiro que se xeran, como da enerxía que se consome nas actividades extractivas das embarcacións, operacións portuarias e distribución. Trátase, xa que logo, dunha ecoetiqueta que achega información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medioambiente, ao mesmo tempo que achega un valor engadido aos produtos que incorporan a devandita marca.
Os produtos protexidos con estes distintivos, supoñen unha vantaxe para o consumidor, por mor das facilidades de identificación destes que ofrecen dentro dun mercado tan competitivo. Ademais son garantes da frescura, orixe, calidade e respecto polo medio ambiente, así como de aplicación dunhas prácticas hixiénicas axeitadas por parte das empresas que participaron na cadea alimentaria, desde a extracción deica a posta no mercado do produto.
Asemade, produtos coma o percebe e a navalla, que extraen en exclusividade os nosos asociados no ámbito das illas Cíes, están amparados, respectivamente, polas marcas colectivas “Percebedascíes” e “Navalladascíes”.
As algas son outro dos produtos comercializados pola nosa lonxa, que conta con outro distintivo de calidade: o selo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.(CRAEGA).
Por todo o anterior garantimos que os produtos comercializados na nosa lonxa teñen unha cualificación de DELICATESSEN.