Enténdese por marisqueo o exercicio da actividade extractiva, desenvolvida a pé ou desde embarcación, na zona marítima ou marítimo-terrestre, dirixida de modo exclusivo e con artes selectivas e específicas, á captura dunha ou varias especies de moluscos, crustáceos, tunicados, equinodermos e outros invertebrados mariños, con fins de comercialización. Esta é unha definición xenérica segundo se recolle no artigo 27º da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de Pesca de Galicia.
Non obstante, a percepción xeral de marisqueo na nosa contorna e no eido pesqueiro/marisqueiro, suxire aquela actividade efectuada a pé ou desde embarcación para a captura de moluscos, nomeadamente bivalvos, co emprego daquelas artes (sachos, angazos, raños...) que permiten extraelos do seu substrato areoso.
O marisqueo a pé permite acceder a outro tipo de recursos, de substrato diferente ao dos fondos de area,-os que viven fixos nas rochas-, como son as lapas, caramuxos e outros moluscos gasterópodos, crustáceos como o percebe e, incluso, a recollida de algas que se atopan fixadas nelas.
As actividades de marisqueo a pé e a flote, vense complementadas con outros labores de mantemento, limpeza, sementeira... dos bancos marisqueiros, tarefas nas que participan os/as propios/ mariscadores/as extractores/as, con apoio e supervisión das asistencias técnicas das confrarías de pescadores e outras entidades de produtores/as, e sempre coas previas autorizacións da propia Administración pesqueira.