Especies

Solea solea

Peixe plano, de corpo asimétrico, boca e ollos pequenos e cabeza redondeada. No lado dos ollos a súa cor é apardazada ou marrón agrisada, con grandes manchas irregulares escuras. Tanto a aleta dorsal como a anal están case unidas á caudal por unha membrana. A liña lateral do linguado é recta e percorre os dous lados do corpo. Pode chegar a medir ata 50 centímetros. Reprodúcese nos meses de inverno e aliméntase pola noite.

Maja brachydactyla

O cacho da centola é triangular por diante e case redondo pola zona de atrás. Está cuberta dunha especie de espiñas. No bordo dianteiro presenta dous pinchos máis fortes. Posúe cinco pares de patas duras e longas. A súa cor é vermella parda e debemos recordar que a centola galega é máis escura ca a bretoa. Ademais, unha característica da centola das rías é que o seu cacho está cuberto por pequenas algas e arneiróns.

Engraulis encrasicolus

O bocarte ten un corpo fino e alongado, de cor azulada con chispiñas prateadas no seu ventre. A súa queixada superior é moi prominente e a boca grande. Pode acada-los 20 centímetros. Reprodúcese entre os meses de abril e agosto.

Diplodus sargus

O sargo é un peixe de corpo ovalado, comprimido polos lados e unha boca pequena. A súa cor é gris prateada, con liñas estreitas verticais. No rabo loce unha gran mancha negra. Pode chegar a medir ata 45 centímetros, aínda que o normal son os 20 ou 25. Acada a madurez sexual ao chegar aos dous anos (17 centímetros) e a súa reprodución vai dos meses de xaneiro a marzo.

Boops boops

Ten unha cor gris prateada e leva catro ou cinco liñas verticais estreitas, así como unha mancha negra na base da aleta do peito. É unha especie hermafrodita que acada a súa madurez sexual ao redor dos 13 centímetros. O seu tamaño medio oscila entre os 15 e os 20 centímetros.

Scomber scombrus

Peixe de corpo alongado e cor verdosa azulada, percorrido por liñas verticais negras e un ventre prateado con tons brancos.

Presenta unha especie de aletiñas (pínnulas) próximas ao rabo, tanto no dorso coma no ventre. Ten unha cabeza afiada e pode chegar a medir ata 50 centímetros. Acada a madurez aos dous ou tres anos e reprodúcese entre os meses de maio e xullo.

Trachurus trachurus

Son peixes de corpo alongado, fociño afiado e boca grande –coma os ollos– e inclinada. Ten pálpebras transparentes, escamas pequenas e, como característica máis distintiva, a súa liña lateral, que está formada por escamas moi desenvolvidas con forma de "ese" estendido. A cor dos xurelos varía entre gris, verdosa e azulada no dorso con reflexos metálicos, e os costados son grises prateados e o ventre branco. Ten unha mancha negra detrás da cabeza á altura do ollo. Acadan a madurez sexual ao segundo ano de vida (22 cm) e reprodúcense nos meses de verán.

Sardina pilchardus

Peixe de cor azulada, esvelta, con reflexos verdosos e prateados no ventre. Vive en augas superficiais, onde forma grandes mansíos que se aproximan á costa a finais da primavera e do verán. Poden chegar a medir ata 25 centímetros de lonxitude. A madurez sexual acádaa ao final do primeiro ano de vida (13 cm).

A época de desove da sardiña prodúcese na primavera e no verán. Habita en zonas costeiras, entre os 5 e os 50 metros de profundidade, aínda que no inverno se localiza en zonas máis profundas. As capturas abastecen os mercados de fresco e as industrias conserveiras e realízanse principalmente con cerco durante a noite.

Tamén se pesca coa arte do xeito, regulada por plans de xestión específicos para esta especie e arte. Captúrase normalmente entre marzo e setembro.