XORNADA DE RECOLLIDA DE RESIDUOS MARIÑOS EN AREIÑO (A GUÍA)

O venres 22/10/2021 realizamos a primeira xornada de recollida de lixo no areal de Areiño (A Guía) como parte das actividades do proxecto "Recollida de residuos marños na Confraría de Vigo 2021-22" do Plan Mar Limpo Mar Vivo, da Consellería do Mar. Este proxecto da continuidade o iniciado a pasado ano 2020 e vaise desenvolver en 6 xornadas de recollida de residuos no intermareal por parte dos mariscadores a pé e 2 xornadas de pesca de lixo activa por parte dos mergulladores.

Os bancos marisqueiros incluídos nos plans de xestión da Confraría de Pescadores de Vigo se desenvolven na marxe sur da Ría de Vigo, coincidindo co asentamento da maior poboación de Galicia. A actividade industrial e portuaria próxima aos bancos marisqueiros fai que sexan zonas susceptibles de acumular diferentes tipos de residuos de orixe antrópico, xenerados en terra pero que adoitan acabar no mar. Por outra banda o desenvolvemento da actividade pesqueira, os cultivos mariños en viveiros flotantes e as embarcacións de lecer poden contribuír a existencia de lixos e residuos no mar, nas praias e no intermareal rochoso.

A nosa experiencia pon de manifesto a grande efectividade das accións desenvolvidas, pero o mesmo tempo exixe dar continuidade accions de sensibilización e as xornadas dedicadas a pesca activa por parte dos profesionais do sector para eliminar ou reducir ao máximo posible a presenza de lixo acumulado durante décadas.

O proxecto actual ten como obxectivo a recollida de residuos mariños no mar e zona intermareal, o manexo, caracterización e tratamento do lixo recollido e a sensibilización das persoas pescadoras e mariscadoras, así coma do resto de axentes do sector pesqueiro e da cidadanía en xeral. Por iso ademais das xornadas de limpeza realizamos a categorización e tratamento dos residuos coa colaboración da Autoridad Porturaia de Vigo e temos previsto a realización dun video divulgativo da problematica do lixo mariño e das tarefas de recollida.

O banco marisqueiro de Areiño está situado na coñecida como praia de A Punta, a carón do monte de A Guía na parte media da Ría de Vigo. Este areal é un dos principais bancos de ameixa babosa e ameixa fina do intermareal da zona de Vigo e nel traballan 5 mariscadores a pé da Confraría de Vigo durante 10 meses ao ano. Neste banco marisqueiro de máis de 50.000 m2 realizanse anualmente outras actuacións de semicultivo como remoción do sustrato e sementeiras de xuvenís de ameixa babosa procedentes de criadeiro, que axudan a rexeneración do areal.

Na xornada de recollida de lixo realizada o pasado venres puidemos constatar a gran cantidade de residuos que o mar devolve continuamente a zona litoral misturado coa area e as algas de arribazón. Estímase que máis do 80% destes residuos que chegan a praia teñen orixe terrestre e o 90% deles son plásticos.

Atopamos gran cantidade de restos de envases e envoltorios plásticos, restos de caixas, cabos e bolsas, palillos das bateas, latas, calzado vello e un novo residuo xerado durante este último ano como son as mascarillas. En total, durante as 4 horas de traballo retiramos 366 kg de residuos repartidos en máis de 2.000 items. Todos os residuos que permanecen no mar vanse fragmentando e disgregando no medio mariño puidendo chegar a entrar cadea trófica mediante a inxesta por parte dos organismos marños. Isto vai supoñer un problema para o ecosistema mariño e por ende para a saúde das personas.